Saturday 18 de May de 2024

A Xunta investiu en Ferrolterra máis de 950.000 euros a través do Plan Marco de mellora de camiños municipais


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o proxecto de renovación do camiño de acceso á igrexa de Centroña, en Pontedeume
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Pontedeume para comprobar a actuación levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural dentro do Plan Marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias.
Este Plan supuxo un investimento en Pontedeume de 41.401 euros para o arranxo dunha rúa que dá acceso tanto á igrexa de Centroña como a varias explotacións agrarias das inmediacións. Este camiño, de 122 metros de lonxitude e 4 de anchura, atopábase moi deteriorado xa que é zona de paso frecuente de vehículos de traballos agrarios e forestais de alto tonelaxe e ademais discorre a carón dun regato.

As obras consistiron, en primeiro lugar, na roza e retirada da vexetación das marxes, na limpeza das cunetas e na construción dun muro de escolleira de granito na marxe do regato, que inclúe escaleiras para o acceso á auga. Posteriormente, a pista recibiu unha base de zahorra e pedra para recibir a pavimentación final de asfalto. Este proxecto tamén permitiu a reposición do saneamento que discorre pola marxe do camiño e a instalación de barreiras metálicas de seguridade.

O Plan Marco significou para os municipios de Ferrolterra un investimento en 2018 de 950.925 euros para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria. No total provincial o investimento na Coruña foi de 4,6 millóns.

Ovidio Rodeiro sinalou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas do rural a través da mellora das infraestruturas, ao tempo que desenrolamos actuacións dirixidas a facilitar o traballo dos profesionais do agro e do monte”.

O delegado territorial tamén quixo destacar que os criterios para o reparto foron acordados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).